Porqué unha Universidade Popular PDF Imprimir E-mail
Escrito por Administrator   
Domingo, 17 de Febrero de 2008 11:44
Escola é adoutrinamento. É un aparello do Estado que cumpre a función de instalar en nenas e mozas a base ideolóxica, o conxunto de valores que o sustenta como institución ao servizo da tristeza rendíbel. Incúlcanos a sumisión necesaria para poder permanecer encerrado nun sitio durante varias horas seguidas facendo o que nos mandan. Sobre todo tes que estar sentado diante do pupitre para aceptar a autoridade "da Ciencia", "a Técnica", "a Industria", "o Mercado", "o Estado"... ti non vales nada. É asi, dinche. Cala e acepta.

Na universidade, o cerco estréitase. Agora non só queren que chegues a soportar a explotación durante cantos mais anos mellor. Queren que pases a ser parte activa. A historia dos vencedores; a ciencia industrial e ao servizo do mercado; as linguas e culturas dos colonizadores; a arte banal do entretemento e a distracción; as habilidades sociais para vender, patoloxizar, manipular, conter a protesta, xustificar a violencia estrutural e a división da propiedade... estas son as funcións das carreiras "con saída", dos saberes rendíbeis, na nosa sociedade... Ante este estado de cousas, queremos adentrarnos no terreo do coñecemento e re-apropiarnos dos saberes para subvertilos. Secuestralos para esixir como rescate as nosas vidas. Queremos poñelos á disposición dunha utilidade social real, máis alá dos criterios de mercado.

Non estamos por suposto contra a ciencia, nen contra a técnica. Estamos en contra da organización das mesmas nun sistema de explotación xeralizado que actúa de xeito totalmente independente de todo criterio humano. O organizador é o mercado. O instrumento de castigo: o Estado. Por iso, queremos abrir de novo un espazo para darlles voz aos saberes disidentes e perseguidos. Unha universidade sen profesores, sen seguratas, sen exames e sen diñeiro por medio. Porque o saber non ten nada que ver co adoutrinamento, coa violencia, coa mercadoría. Para acceder ao coñecemento non fan falta cartos, medios ou atribucións persoais expeciais... so fai falta desalambrar as barreiras educativas e permitirnos a todas pacer nese prao.

Tanto dá explicar unha lei como explicar cómo cultivar unha leira. Nós decidimos o programa, partindo dos nosos propios intereses. Sen profesores. Se sabes de algo máis que as demais, trasmítelo sen pudor. Someteremos todo a discusión. Interrompe! Pregunta. Propón: ti que podes transmitir? E que non fique aí, que sexa fértil e creativo: que todo isto sirva de punto de encontro desde onde dinamizar iniciativas que poñan en práctica os saberes críticos.

Nós comezamos. Aonde chegue isto depende tamén de ti.

Por unha educación para a autoxestión. Porque entre tod@s, sabémolo todo.
Última actualización el Viernes, 13 de Marzo de 2009 12:15