Benvidos, benvidas a Universidade Popular...Escola é adoutrinamento. É un aparello do Estado que cumpre a función de instalar en nenas e mozas a base ideolóxica, o conxunto de valores que o sustenta como institución ao servizo da tristeza rendíbel. Por que cho poñen tan difícil se queres educar aos teus fillos na casa? Por que che obrigan a seguir os seus criterios do que se debe saber e do que non?
Nesta institución autoritaria o individuo é adestrado sobre todo para a sumisión, para permanecer encerrado nun sitio durante varias horas seguidas facendo o que lle mandan. Así, cando estea preparado poderá aguantar as 8 horas da xornada de traballo inútil (unha verdadeira tortura para un individuo que estea ben da cabeza). Todas as mañás dos nosos primeiros anos de vida para aprender que cousa? Porque non nos encerran na escola para aprender... Sobre todo tes que estar alí para aceptar a sumisión ante "a Ciencia", "a Técnica", "a Industria", "o Mercado", "o Estado", e tantos outros tótens do sistema... ti non vales nada. É asi, dinche. Cala e acepta.
Na universidade, o cerco estréitase. Aprofundan no adoutrinamento. Agora non só queren que chegues a soportar a explotación durante cantos mais anos mellor. Queren que pases a ser parte activa da explotación. A historia dos vencedores; a ciencia industrial e ao servizo do mercado; as linguas e culturas dos colonizadores; a arte do entretemento e a distracción; as habilidades sociais para vender, patoloxizar, manipular, xustificar a violencia estrutural e a división da propiedade... e a listaxe continúa. Esta é a función que se espera de profesores, historiadores, médicos, farmacéuticos, educadores sociais, psicólogos, avogados, xornalistas... Porque estas son as funcións das carreiras "con saída", dos saberes rendíbeis, na nosa sociedade.
Ante este estado de cousas, nós queremos adentrarnos nese terreo e re-apropiarnos deses saberes. Secuestralos e pedir como rescate as nosas vidas. Queremos poñelos á disposición dunha utilidade social real, máis alá dos criterios de mercado.
A ciencia, ou mellor: as ciencias útiles son as que nos sirven a nós, e van polos camiños que nós escollamos. E esas ciencias sempre existiron, sempre estiveron aí. Van co ser humano, que bota man do cerebro e da técnica cando o precisa. Non temos por que aceptar como sagrada a palabra que dictan 4 maníacos obsesionados co benefício económico desde a clausura dos seus despachos.
Non estamos contra a ciencia, nen contra a técnica. Estamos en contra da organización das mesmas nun sistema de explotación xeralizado que actúa de xeito totalmente independente de todo criterio humano. O organizador é o mercado. O instrumento de castigo: o Estado.
Por iso, queremos abrir de novo un espazo para darlles voz aos saberes disidentes e perseguidos. E estrear un ponto de encontro desde onde dinamizar iniciativas que poñan en práctica eses saberes críticos. Unha universidade sen seguratas, sen profesores, sen exames, sen diñeiro por medio. Porque o coñecemento non é adoutrinamento, non é violencia, e non é mercadoría.
Un espazo de comunicación do coñecemento que nós mesmas consideramos útil. Tratase de desdebuxar os límites entre a teoría e a praxe. Tanto dá explicar unha lei como explicar cómo cultivar unha leira. Nós decidimos o programa, partindo dos nosos propios intereses. Sen profesores. Se sabes de algo máis que as demais, trasmítelo sen pudor. Someteremos todo a discusión. Interrompe! Pregunta! Propón: ti que podes transmitir? E que non fique aí, que todo isto sirva de punto de encontro desde onde dinamizar iniciativas que poñan em práctica os saberes críticos.
Por unha educación para a autoxestión! Entre todas sabémolo todo! |